• Categoría da entrada:Novidades

Aspais, entidade de referencia da economía social en Galicia, estivo presente no encontro da Estratexia Galega de Economía Social celebrado onte no Gaiás, onde as representantes políticas da Xunta reafirmaron o impulso da economía social como motor socioeconómico, destacando as 230 novas entidades e 800 empregos que xerou no último ano.

O conselleiro, José González, puxo en valor a aposta estratéxica do Goberno galego por fortalecer e impulsar a economía social como un motor de crecemento sustentable, ao que destinan máis de 90 M€ no período bianual 2024-2025.

O titular de Emprego avanzou que para seguir nesta senda de crecemento, este ano a Xunta orzamenta á economía social un 2,8% máis que o ano pasado, acadando un investimento bianual entre 2024 e 2025 de máis de 90 millóns de euros. Entre os vindeiros retos, sinalou, sitúase o de seguir impulsando e fortalecendo o cooperativismo como un piar clave da economía galega, en liña co lema do Ano Internacional das Cooperativas, “As cooperativas constrúen un mundo mellor”. Tamén na folla de ruta deste ano está mellorar a orde de apoios aos centros especiais de emprego —un eido ao que a Xunta leva destinados máis de 126 millóns de euros nos últimos seis anos— co obxectivo de atender de xeito máis eficaz as necesidades dos beneficiarios, favorecendo a súa inserción no mercado laboral.

Ademais, sinalou que se avanzará na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes dándolle pulo ao Rexistro autonómico de cooperativas. Farase da man de todos os axentes implicados, apostando polo diálogo e a escoita activa, co obxectivo firme de ter aprobada a nova lei este ano.