RESUMO DA AXUDA
Artigo 1. Obxecto
Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades
do citado programa:
a) Modalidade de Respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar a atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade.
b) Modalidade de Respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.2, para financiar estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias da subvención aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
Artigo 4. Requisitos para acceder á subvención
1. Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:
a) Que ben a persoa coidadora solicitante da subvención ou ben a persoa ou persoas que ela atenda sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que a persoa que se atende presente calquera das seguintes situacións:
- Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.
- Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.
- Que a persoa que se atende, a pesar de non cumprir coas epígrafes anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria,
acreditada mediante informe médico e social.
2. Ademais, as persoas coidadoras para seren beneficiarias da subvención teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Tipo de axuda e contía
1. Na modalidade Respiro no fogar, a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a maiores a domicilio para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.
A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.
O servizo, que deberá ser prestado por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa coidadora solicitante da subvención, cubrirá os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende, en ausencia das persoas coidadoras, e poderá prestar as seguintes tarefas:
a) Compañía activa: manter conversa, lectura e apoio.
b) Acompañamento a paseos e axuda para desprazamentos.
c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.
d) Administración de alimentos: poñer ou dar alimentos preparados previamente polos familiares.
e) Administrar medicación oral segundo as indicacións dos familiares e prestar coidados mínimos a enfermos crónicos.
f) Acompañamento a actividades culturais e de lecer.
g) Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores.
Cando nun domicilio se asista a máis dunha persoa, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas na relación da epígrafe anterior cun máximo de 1.000 euros por beneficiario/ano.
A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 16.
2. A modalidade de Respiro en residencia consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.
Serán as persoas coidadoras solicitantes da subvención as que aboen o importe total da estadía que hai que pagar.
Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade prevé a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade
poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.
A modalidade de atención residencial incluirá os seguintes servizos:
a) Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades das persoas que se atenden. No caso de que unha persoa que se atende
desexe ocupar un cuarto individual, estará supeditada á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pagamento do suplemento que lle corresponda.
b) Menú axeitado baixo supervisión médica.
c) Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria (aseo, vestido,
comida…).
d) Atención médica, psicolóxica e social (tendo en conta as indicacións e tratamento que as persoas usuarias teñan prescrito polos seus especialistas, se for o caso).
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas na relación anterior cun máximo de 1.500 euros por beneficiario/ano A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 16.
PRAZO DE PRESENTACIÓN
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021.
Pincha aquí para chegar ó ENLACE DA AXUDA